Acisa Ribadeo espera cifras de récord este verán

AMariñaXa
Acisa fai un balance positivo de xullo e espera cifras de récord este verán
porto-ribadeo
1 Aug 2024

As expectativas do sector hostaleiro en Ribadeo para agosto son moi boas. Acisa fai un balance positivo de xullo e espera cifras de récord este verán. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinala que “a valoración que podemos facer desde a nosa asociación sobre o mes de xullo é positiva. Aínda que é certo que a primeira quincena, polo que nos comentan os nosos asociados e asociadas, foi un pouco máis frouxa que en 2023 a partir do Ribadeo Indiano tanto os datos de ocupación hostaleira, que se situou ao redor do 75-80% do 15 ao 31 de xullo, como de reservas en restauración mantéñense nos mesmos niveis do ano pasado nalgúns casos e outros nos confirman un incremento importante, do que cal nos alegramos moito”.

Para o comercio ribadense xullo “foi un mes moi bo, tal e como nos confirman desde as nosas tendas. E esperamos que agosto o sexa tamén e que quen nos visite aproveiten as últimas rebaixas para facerse con artigos de tempada a prezos súper interesantes. O comercio de Ribadeo é un referente en toda a comarca da Mariña e o Occidente asturiano e iso nótase todo o ano e tamén no verán”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Jesús Pérez, indica que “estreamos mes cunhas expectativas moi boas tanto no sector da restauración como na ocupación hostaleira. Ata o 25 de agosto todo apunta a que a ocupación roldará o 100 % moitos días e iso é moi positivo para o sector e para a economía local de Ribadeo”.

Pérez Prada destaca que “Ribadeo ten infinidade de atractivos para quen nos visita: mar, praias, Camiño de Santiago, historia, patrimonio cultural e un comercio e unha hostalería que son un referente en toda a zona. A quen non nos visitou animámolo a que o faga agora no verán ou en calquera momento do ano, porque Ribadeo ten o centro comercial aberto coas mellores vistas e vailles a sorprender moito e moi ben”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, engade: “se a todo isto engadímoslle que no norte, somos o oasis de España… non queda moito máis que dicir. Aquí pódese respirar, pódese durmir, pódese descansar… o turismo climatolóxico existe, vai a máis e en Ribadeo, do mesmo xeito que en todo o Cantábrico, somos moi afortunados de non sufrir esas temperaturas extremas das que tanto oímos falar estes días. Sobran motivos para elixir Ribadeo e o Norte no verán”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17797899246216