Acisa Ribadeo e o Grupo Valcarce firmaron un convenio de colaboración

TerraChaXa | AMariñaXa
16 Maio 2019

Acisa Ribadeo e o Grupo Valcarce firmaron nas últimas horas un convenio de colaboración con condicións beneficiosas para os asociados e asociadas á patronal. O acto tivo lugar nas oficinas da asociación. Os encargados da sinatura foron o xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada, e a xerente de Valcarce Ribadeo, Ana Martínez Fernández.
O convenio firmado entre as dúas partes contempla unha oferta moi vantaxosa para os socios e empregados de Acisa Ribadeo, que contempla un desconto de 0,09 céntimos por cada litro de combustible mercado tanto nas instalacións de Valcarce Ribadeo coma no resto de estaciones de servizo da Grupo Valcarce, que se pode consultar na web, http://www.grupovalcarce.com/red_eess/documentos/ValcarceEESSmapaCash.pdf
Para facerse con ese desconto as persoas interesadas deberán contar coa tarxeta Valcarce Cash.
O xerente de Acisa explicou que “os asociados de Acisa o único que teñen que facer para desfrutar de dita oferta, é comunicar ser membro da nosa asociación, e no caso dos empregados dos establecementos deberán presentar unha nómina que acredite ser empregado dun establecemento asociado. Tamén poden solicitar un certificado acreditativo de ser socio ou empregado dun establecemento asociado nas oficinas de Acisa Ribadeo, para despois eles presentalo na estación de servizo de Valcarce e solicitar así a súa tarxeta”.
Jesús Pérez dixo que “para solicitar a tarxeta o asociado ou empregado dun establecemento asociado deberá de dirixirse á estación de servizo Valcarce Ribadeo e cumprimentar a documentación necesaria. No caso de que xa teñan unha tarxeta Valcarce Cash deberán de comunicalo a Valcarce para anular dita tarxeta e emitir unha nova con ese novo desconto. No caso de que a empresa ou persoa física desexe factura deberá informar a Valcarce á hora de realizar a solicitude da tarxeta”.
Para o xerente de Acisa “trátase dunha oferta moi boa que fai Valcarce Ribadeo como establecemento asociado ao resto de membros da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, axudando así ao aforro diario e facendo medrar a oferta de servizos e convenios que os establecementos socios teñen ao seu alcance grazas a formar parte da patronal”.

0.10539603233337