Acisa Ribadeo comeza o curso escolar incentivando as compras no comercio local
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) arrinca o curso escolar cunha nova campaña comercial destinada a incentivar as compras no comercio local durante a volta ao cole. A campaña, que se desenvolverá do 30 de agosto ao 15 de setembro, ofrece a oportunidade de gañar atractivos premios, incluíndo unha xoia exclusiva, un reloxo valorado en máis de 300 euros, e 100 euros en vales de compra.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou a importancia de apoiar o comercio local durante esta época de grandes vendas, cando se adquiren libros, material escolar, uniformes, calzado e roupa de outono-inverno. “Confiar nas tendas locais non só garante un trato personalizado e produtos de calidade, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento da nosa comunidade”, sinalou Cruzado.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que as persoas que realicen as súas compras nos comercios asociados entre o 30 de agosto e o 15 de setembro recibirán papeletas para participar no sorteo de tres premios: un colgante exclusivo de prata de lei con madreperla, cortesía de Galería Terra Branca; un reloxo Time Force modelo Status Chrono, valorado en máis de 300 euros, xentileza de Xoiería Azabache; e 100 euros en vales de compra. O sorteo, que será non presencial, terá lugar o 16 de setembro e os gañadores serán anunciados nas redes sociais e nos medios de comunicación.
Cruzado tamén agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, que cofinancia a campaña no marco das axudas aos Centros Comerciais Abertos (CCA), así como a colaboración de Galería Terra Branca e Xoiería Azabache, negocios asociados a Acisa que doaron os premios.
Na presentación da campaña participaron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e os representantes de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, que animaron a toda a comunidade a mercar no comercio local e prepararse para o novo curso escolar coa mellor calidade e atención personalizada.