Acisa Ribadeo celebra o seu 35 aniversario cunha gala

AMariñaXa
Acisa Ribadeo celebra a súa gala anual o 28 de abril, para a que xa están á venda as entradas.
gala_35_aniversario_acisa_ribadeo
9 Abr 2024

Acisa Ribadeo celebra a súa gala anual o 28 de abril, para a que xa están á venda as entradas. A presidente de Acisa, Carmen Cruzado, sinala que a venda de entradas para o 35 aniversario “marcha a bo ritmo”. As tarxetas poden “adquirirse na nosa oficina ata o día 25, pero animamos a todas aquelas persoas que desexen asistir, sexan socias ou non de Acisa, a que as vaian retirando ao longo dos próximos días. O prezo é de 35 euros”.

Será unha xornada de celebración, para compartir experiencias e momentos entre o sector empresarial ribadense. “A última Gala de Acisa celebrouse en 2020, xusto uns días antes do confinamento. Por iso pensamos na directiva que xa tocaba reunirse e que mellor que facelo para celebrar o 35 aniversario da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembra que a gala está aberta “a todo aquel que desexe asistir, sexa socio ou non de Acisa, a veciñas e veciños da nosa vila que desexen compartir connosco este importante día de celebración”. A X Gala de Acisa 35 Aniversario celebrarase no Parador de Turismo de Ribadeo ás 21.00 horas. “Neste evento, non só conmemoramos os 35 anos de vida da nosa entidade se non que entregaremos os galardóns á substitución xeracional a María Antonia López Lens e María Gamallo López, os galardóns como negocios emblemáticos á Candelaria e A Praza, e o recoñecemento como ribadense do ano a Vicky Álvarez Lebredo”.

Acisa conta con BeOne e Vitaldent como patrocinadores principais da Gala de 2024, á que se uniron tamén como patrocinadores Talleres Cardi, Mariña Asesores e Limpezas Lema. Colaboran no evento Paradores, Bombones Moreno, Azpilicueta, Viña do Campo e asociación de raza autóctona Porco Celta, xunto á Xunta, Galicia Calidade e Concello de Ribadeo.

Premios día do pai e cursos

Este 10 de abril tamén conclúe o prazo para reclamar os premios do día do pai. Carmen Cruzado lembra que aínda non foron reclamados. “Lembremos que os números premiados son o 1.070, entregado en Á boia, correspondente a unha experiencia de condución xentileza de Viaxes Eroski e o numero 6.552 entregado en R23, correspondente a un reloxo Estafe Force doado por Xoiería Acibeche. Animamos a revisar petos, bolsos, bolsas… e a comprobar as papeletas do día do pai. En Acisa non queremos que queden desertos os nosos premios. Se quedasen desertos destinaranse a outra das nosas campañas”.

Pérez Prada engadiu que seguen cos cursos gratuítos para as asociadas e

asociados. “Tras o éxito do celebrado sobre xestión de fotografía con móbil para redes, o luns que vén terá lugar o curso sobre xestión de Facebook para empresas. Como consideramos necesario coidar moito a imaxe, a posta en escena dos nosos negocios, debemos aprender a sacarlles o mellor rendemento ás redes sociais e a profesionalizalas ao máximo e por iso continuamos con esta formación”.

Este curso celebrarase na Casa do Vello Pancho en horario de 18.00 a 20.00 horas o luns15 de abril. Para participar é necesario inscribirse ou ben nas ligazóns que os empresarios recibiron nos seus mails ou a través da seguinte dirección de correo electrónico: info@acisaribadeo.es. Esta actividade formativa está organizada por Acelera Peme Rural Asime Lugo e Acisa Ribadeo.

0.19674396514893