Acisa dinamiza o verán en Ribadeo con música, mercados e premios

AMariñaXa
A campaña “O noso comercio é vida, vive Ribadeo” ofrecerá máis de dúas semanas de actividades e sorteará unhas vacacións en Gran Canaria
ribadeo-acisa-o-noso-comercio-agosto-2025
7 Aug 2025

Ribadeo prepárase para vivir unha segunda quincena de agosto repleta de actividade grazas á campaña “O noso comercio é vida, vive Ribadeo”, organizada por Acisa. A iniciativa, que se desenvolverá entre o 14 e o 31 de agosto, encherá as rúas da vila de música, mercados ao aire libre, multiaventura, gastronomía e sorteos, culminando cunha gran festa final e o sorteo presencial dunhas vacacións a Gran Canaria.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “esta campaña nace do recoñecemento excepcional que recibimos da Dirección Xeral de Comercio hai unhas semanas, e co que puidemos deseñar un programa moi ambicioso que implicou a numerosas asociacións da vila”. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Ribadeo e de entidades colaboradoras como o Xara Fest, a Comisión de Festas, AGACAL, a Praza de Abastos e Discosta.

Jesús Pérez, xerente de Acisa, explicou que a campaña ten como obxectivo “impulsar o comercio local e atraer tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan, ofrecendo actividades de lecer, cultura e consumo nun mes clave para a economía local”. Grazas ao premio recibido, a entidade investirá arredor de 65.000 euros nesta proposta.

Entre as actividades destacan os Xoves Abertos, con concertos ao aire libre e promocións especiais nos comercios e locais hostaleiros. O 14 de agosto actuará D’Crooners na rúa San Roque; o 21, DJ Betty Bunny na Praza José María López; e o 28, Carolina Rubirosa na rúa San Francisco. Ademais, o sábado 16 será a quenda de Dos en Punto, tamén na rúa San Roque.

Durante estes días, haberá ruletas con premios para quen presente o Multipase de Acisa, que se poderá conseguir nas tendas asociadas a partir do 14 de agosto. Tamén se poderán desfrutar de bebidas a prezos especiais na hostalería adherida.

Ademais, celebraranse dous Mercados de Rúa os días 23-24 e 30-31 de agosto, con importantes descontos, e os Domingueos musicais o 24 e 31 cos pasarrúas das charangas Bicoia e Fanfarria Takicárdica. Os días 29 e 30 terá lugar a Gastropraza, con degustacións e promoción de produtos locais na Praza de Abastos.

Unha das grandes apostas será a Semana Multiaventura, do 25 ao 30 de agosto, con actividades como lásertag, inchables, festa da escuma, un deslizador xigante de máis de 100 metros na rúa Viejo Pancho e un rocódromo dispoñible mañá e tarde. Todas estas propostas serán gratuítas para quen dispoña do Multipase.

O broche final será o 31 de agosto coa Gran Festa de Fin de Verán: obradoiros de concienciación sobre o comercio local, música na rúa e o gran sorteo presencial dunhas vacacións en Gran Canaria.

Jesús Pérez subliñou que “queremos que Ribadeo sexa un destino atractivo, dinámico e próximo, onde o comercio sexa o motor da vida económica e social. Esta campaña é un exemplo do que se pode acadar coa colaboración entre sectores e o apoio institucional”.

A programación irá acompañada dunha ampla campaña de comunicación nos medios e redes sociais, incluíndo un spot promocional que xa se proxecta no cine local. Ademais, nas vindeiras datas Acisa presentará outras accións complementarias que reforzarán a mensaxe central: apoiar ao comercio de proximidade é apostar polo futuro de Ribadeo.

⚙ Configurar cookies
0.17092394828796