Acia Foz repartirá 55.000 premios coa súa campaña Rasca Gaña
AciaFozCCA puxo en marcha unha nova campaña promocional denominada "Rasca Gaña", que repartirá 55.000 premios entre os clientes que realicen as súas compras nos establecementos adheridos. A iniciativa desenvolverase desde hoxe ata o 31 de outubro co obxectivo de dinamizar o comercio local e premiar a fidelidade dos consumidores.
Segundo explicou o presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, a campaña busca "contribuír á dinamización económica dos establecementos participantes e premiar á súa fiel clientela". Participan un total de 31 locais de diferentes sectores, entre os que se inclúen tendas de moda, librarías, clínicas veterinarias, perruquerías e pastelarías, entre outros.
Os premios estarán suxeitos ás condicións de cada establecemento e non serán acumulables nin combinables con outras ofertas. A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Foz, e foi presentada polo propio Paleo, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Comercio, Kathy Navarro.
Ademais, AciaFozCCA lembra que segue en marcha ata o 30 de setembro a campaña "Merca no teu negocio", impulsada pola Federación Galega de Comercio, na que se repartirán 11.000 euros en 50 bonos de 200 euros cada un. Paleo destacou que en edicións anteriores varias persoas de Foz resultaron afortunadas e agardan que a sorte volva acompañar á clientela local nesta nova oportunidade.