Acia Foz comeza a súa campaña de Volta ao Cole
Do 29 de agosto ao 15 de setembro, a asociación de comerciantes AciaFozCCA desenvolverá a súa campaña anual da Volta ao Cole, coa que se sortearán 500 euros en vales de compra para premiar a fidelidade dos seus clientes. Así o anunciou o presidente da asociación, José Carlos Paleo, quen destacou que todas as persoas que realicen compras por un importe superior aos dez euros nos establecementos asociados durante este período poderán participar no sorteo.
O sorteo, que terá lugar o 16 de setembro en Radio Foz, repartirá un total de 500 euros en vales de compra, distribuídos en 10 premios de 50 euros cada un. Paleo subliñou a importancia de apoiar o comercio local, especialmente nunha época clave como a volta ao cole, onde os clientes poden atopar todo o necesario para o inicio do curso escolar e a chegada do outono.
"Mercar en Foz non só significa apoiar a economía local, senón que tamén ofrece a posibilidade de gañar un dos premios de 50 euros", engadiu Paleo. A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Foz, reforzando así o compromiso co desenvolvemento do comercio local.