Acia Foz-CCA sorteará 10 Soños de Nadal para impulsar as compras no comercio local

Foz
AMariñaXa
A campaña inclúe premios de 100 euros, decoración especial e actividades dirixidas ás familias durante o Nadal
ACIA-FOZ-Sonos-de-Nadal-presentacion-2025
10 Dec 2025

Acia Foz-CCA puxo en marcha unha nova edición da súa campaña de Nadal, coa que busca dinamizar as compras no comercio local e encher a vila de ambiente festivo. A iniciativa inclúe o sorteo de 10 Soños de Nadal, premios valorados en 100 euros cada un en vales de compra.

Segundo explica o presidente da asociación, José Carlos Paleo, “todas as persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos asociados entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro participarán automaticamente no sorteo”. O reparto dos premios realizarase o 8 de xaneiro a través de Radio Foz.

Paleo anima á veciñanza a consumir no comercio de proximidade, lembrando que “é o que lle dá vida ás nosas rúas e ao noso pobo”. Engade que en Foz “é doado atopar todo o necesario para sorprender nestas datas e para facer realidade un soño de Nadal”.

Co inicio da campaña, Acia Foz-CCA tamén distribuíu alfombras decorativas, carteis promocionais e cartas para que as nenas e nenos poidan escribir a Papá Noel e aos Reis Magos. Ademais, un ano máis, premiaranse os escaparates máis creativos da vila. “A xente esmérase cada vez máis, e queremos recoñecer ese esforzo e a ilusión que poñen en vestir os seus negocios coa maxia do Nadal”, sinala Paleo.

⚙ Configurar cookies
0.091685056686401