Acia Foz CCA sorteará 1.000 euros en vales de compra coa Volta ao Cole
Acia Foz CCA sorteará 1.000 euros en vales de compra coa súa campaña de Volta ao Cole. Será o 21 de setembro. Na presentación participaron o alcalde, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Alonso, e o presidente da asociación focense, José Carlos Paleo.
Todas aquelas persoas que realicen as súas compras no comercio asociado entre o 25 de agosto e o 16 de setembro entrarán no sorteo de 1.000 euros en vales de compra, repartidos en cinco premios de 100 euros e dez premios de 50 euros. Os gañadores dos vales coñeceranse no sorteo que terá lugar o 21 de setembro a través de RadioFoz.
Desde Acia Foz CCA o seu presidente, José Carlos Paleo, subliña que “no comercio de Foz podemos atopar todo o necesario para a volta ao cole: moda, calzado, material escolar, roupa deportiva, uniformes... así como todos artigos da nova tempada outono-inverno para toda a familia, que xa nestes días podemos ver en moitos escaparates”.
Acia Foz CCA organiza a campaña de Volta ao Cole coa que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello de Foz.