Acia Foz-CCA repartiu 1.000 euros nos Soños de Nadal e premiou os mellores escaparates

Foz
AMariñaXa
Dez persoas resultaron agraciadas con vales de compra e varios comercios foron recoñecidos pola súa decoración de Nadal
foz-acia-sorteo-nadal-2025-2026
8 Jan 2026

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Foz (Acia Foz-CCA) celebrou o sorteo dos tradicionais Soños de Nadal, no que repartiu un total de 1.000 euros en vales de compra entre dez persoas consumidoras. Cada unha das papeletas premiadas estivo dotada con 100 euros para gastar nos establecementos asociados, contribuíndo así a dinamizar o comercio local tras a campaña de Nadal.

As papeletas agraciadas corresponderon aos números 16593, entregada en Centro Dietético Alba Vila; 25451, en Ana Fabeiro; 40303, en Xoguetería Bahía; 58914, en La Flor Abulense; 9216, en Kukadas; 5700, en Ártico; 3585, en Chinela Nenos; 45839, en Vass; 15681, en Carnicería Mercedes; e 7752, en Electricidad Núñez.

O sorteo tivo lugar nos estudos de Radio Foz e estivo conducido por Anxo Rivas, contando coa presenza do presidente e da xerente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo e Ana Segade. Paleo agradeceu a fidelidade da clientela durante a pasada campaña de Nadal e destacou que estes vales “foron unha axuda moi ben recibida tras os gastos propios das festas e permitiron afrontar mellor o mes de xaneiro”.

Na mesma xornada, a asociación deu a coñecer tamén os establecementos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal. O primeiro premio recaeu en Electricidad Núñez, o segundo foi para Ártico e o terceiro para Isla. Ademais, Lencería Esther recibiu o recoñecemento ao mellor decorado exterior, mentres que Pastelería Anduriña e Marexada foron premiadas pola mellor decoración interior.

José Carlos Paleo sinalou que, un ano máis, Acia Foz-CCA quixo recoñecer o esforzo, a creatividade e a implicación dos comercios participantes, que contribuíron a encher Foz da maxia do Nadal cos seus escaparates. A entrega oficial de todos os premios tivo lugar a finais do mes de xaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.07001805305481