Acia Foz CCA impulsa o comercio local cun sorteo de 500 euros pola campaña de San Valentín

Foz
AMariñaXa
O presidente da asociación, José Carlos Paleo, explica que poderán participar todas as persoas que realicen compras superiores a 10 euros durante esas datas nos establecementos adheridos á campaña
2025-Acia-Foz-San-Valentin
31 Jan 2025

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (Acia Foz CCA) pon en marcha a súa campaña especial de San Valentín, que se desenvolverá do 1 ao 14 de febreiro, coa que sorteará 500 euros en vales de compra para incentivar o consumo no comercio local.

O presidente da asociación, José Carlos Paleo, explica que poderán participar todas as persoas que realicen compras superiores a 10 euros durante esas datas nos establecementos adheridos á campaña. "Os clientes recibirán boletos para o sorteo, que se celebrará o 17 de febreiro a través de Radio Foz", sinala. Engade tamén que "imos poñer en xogo 5 vales de compra de 100 euros cada un, co obxectivo de dinamizar as vindeiras semanas no comercio de Foz". Os números gañadores serán publicados tanto nas redes sociais de Acia Foz CCA como na súa páxina web oficial: www.aciafozcca.com.

José Carlos Paleo anima á veciñanza a aproveitar esta oportunidade para realizar as súas compras nos negocios locais, onde poderán atopar o agasallo perfecto para sorprender ás súas parellas. "Ademais, San Valentín tamén se pode celebrar na hostalaría local, que ofrecerá interesantes propostas para gozar dunha velada especial", destaca.

A campaña foi presentada nun acto que contou coa participación do alcalde de Foz, Fran Cajoto, a concelleira de Comercio, Kathy Navarro, o presidente de Acia Foz CCA, José Carlos Paleo, así como representantes da asociación empresarial e empresarios da localidade. Durante o evento tamén se deu a coñecer a nova cartelería decorativa *Isto é Foz, aquí hai Entroido* e entregáronse os premios aos gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal. Ademais, anunciouse unha nova colaboración entre Acia Foz CCA e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que consistirá no reparto de lazos para comercios e traballadores "co obxectivo de dar visibilidade á causa e contribuír á loita contra esta enfermidade".

Todas estas actividades e campañas contan co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Foz, reafirmando o compromiso co comercio local e coa dinamización económica do municipio.

0.11327314376831