Abril enche de música a Casa da Cultura de Vegadeo cunha variada programación de concertos

AMariñaXa
Dúas citas imprescindibles para gozar do folk asturiano e da fusión pop-latina en directo
sOY-CENIZO-de-Guayominí-Producciones
9 Apr 2025

A música será a gran protagonista en Vegadeo este mes de abril cunha programación que traerá ata a Casa da Cultura dous concertos de primeiro nivel. A primeira actuación será o sábado 12 de abril ás 20:00, coa cantante e compositora Silvia Quesada, unha das voces máis recoñecidas do folk asturiano. Cunha traxectoria que inclúe proxectos como Los Gatos del Fornu, Blima ou Tejedor, iniciou a súa carreira en solitario en 2014 e foi galardoada cos premios AMAS á mellor voz en 2015 e ao mellor disco en 2020 por Prefiero ver llover. Nesta ocasión, presentarase acompañada ao piano por Alfredo González, ofrecendo unha actuación íntima e chea de emoción. A entrada será gratuíta, dentro do circuíto de Cultura Tradicional de Asturies Cultura en Rede.

A segunda gran cita será o sábado 26 de abril ás 20:00, cando o grupo Alberto & García regrese a Vegadeo tras a súa triunfadora xira La herida (2023), que os levou por España e Latinoamérica. Co seu inconfundible estilo, que fusiona pop, folk latino e verbena andina, interpretarán temas do seu último disco e repasarán a súa discografía, incluíndo novas cancións como Procesión. Co seu directo potente e cheo de enerxía, xa conquistaron ao público veigueño en anteriores ocasións e prometen repetir a experiencia. A entrada tamén será gratuíta, formando parte do circuíto de Música de Asturies Cultura en Rede.

⚙ Configurar cookies
0.11314296722412