Abren as inscricións para o programa Preto de Ti do Concello de Ribadeo

AMariñaXa
Haberá charlas sobre saúde impartidas pola enfermeira dos Servizos Sociais do concello
Preto-de-Ti-Ribadeo
2 sep 2024

O Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para o programa Preto de Ti do 3 ao 15 de setembro. A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, anunciou que, tras a pausa estival, volven as actividades deste programa, que inclúe talleres de memoria, ximnasia, manualidades e un curso sobre o uso do teléfono móbil. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando a María, a responsable do programa, ao número 625 104 274, en horario de 9.00 a 15.00 horas.

Sierra destacou que, como novidade nesta tempada, haberá charlas sobre saúde impartidas pola enfermeira dos Servizos Sociais do concello. Estes encontros abordarán temas como coidados persoais, hábitos saudables e nutrición. A concelleira anima a toda a veciñanza de Ribadeo a participar neste programa, cuxo obxectivo é dinamizar as parroquias, proporcionando actividades ao longo do curso e fomentando un ambiente de aprendizaxe e socialización entre amigos.

0.20243906974792