Abren as inscricións para o XIX Mercado de Nadal de Ribadeo

A Concellaría de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio organiza o XIX Mercado de Nadal, que terá lugar do 30 de novembro ao 8 de decembro. O prazo de inscrición para participar está aberto ata o 8 de novembro. A edil de Comercio, Marta Saiz, manifestou que unha das citas referentes das datas de Nadal na vila é "o seu singular e tradicional Mercado de Nadal, un mercado que ten moi boa acollida polo público, sendo xa un referente na zona. E por iso é un espazo perfecto para que os profesionais da artesanía, o deseño e a gastronomía dean a coñecer o seu traballo e talento creativo e innovador”.
Nesta edición o Mercado levarase a cabo nas inmediacións do parque San Francisco, onde se colocarán 25 casetas nas que se poderán atopar principalmente creacións de proximidade, onde se valorará especialmente a orixinalidade e a sostibilidade. O prazo de inscrición está aberto ata o día 8 de novembro e as solicitudes deben facerse ou ben por Sede Electrónica ou presencialmente a través do rexistro do Concello. Calquera consulta ou aclaración poderá realizarse no servizo de ADL no Concello de Ribadeo ou no teléfono 982 128 650. As bases poden consultarse na Sede Electrónica do Concello.