Abre unha mostra en Ribadeo cos obxectos recollidos no Galeón

AMariñaXa
O venres 17 de setembro ás sete da tarde será inaugurada na Oficina de Turismo a exposición O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado
galeon ribadeo restos
16 sep 2021

O vindeiro venres, 17 de setembro, ás sete da tarde será inaugurada na Oficina de Turismo a exposición O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado na que se poderán ver preto de 200 pezas localizadas na campaña arqueolóxica realizada no Galeón de Ribadeo ata o 20 de outubro. A mostra permitirá demostrar a presenza continuada de navegantes e de buques na ría desde o século V antes de Cristo ata os nosos días e amosar a riqueza histórica do leito mariño ribadense.

O comisario desta exposición, Miguel San Claudio, agradeceu “o apoio do Concello de Ribadeo para o desenrolo desta exposición. Foi unha idea deles e xurdiu coa inquedanza de coñecer o patrimonio cultural subacuático que se agocha na nosa ría. Imos amosar unha selección das pezas que actualmente aínda están en estudo. Imos amosar á cidadanía o traballo que nos permite demostrar a presenza continuada de navegantes e de buques nesta ría dende o século V antes de Cristo ata os nosos días. Temos previsto facer unha exposición na cal non só se amosen as pezas per se senón tamén vinculándoas ao seu lugar de orixe, á súa funcionalidade, é dicir á función que tiñan os barcos que as transportaban, e tamén amosar a súa cronoloxía. Pensamos que terá interese para a cidadanía por tanto imos amosar as pezas físicas, os obxectos que atopamos nesta campaña arqueolóxica”.

A mostra estará composta por preto de 200 pezas, segundo Miguel San Claudio: “calculamos que arredor dunhas 150 ou 200 pezas. Unha das máis importantes é un pequeno fragmento de cerámica procedente da zona da actual Turquía que foi fabricada no século V antes de Cristo e que chegou ata as nosas costas. Esta peza ademais ten a particularidade de que presenta un grafito, é dicir, unha inscrición sobre ela e penso que é unha peza moi significativa. Tamén temos un fragmento dunha ánfora do século I antes de Cristo que nos está ademais ilustrando sobre a presenza romana, sobre os primeiros contactos romanos con esta zona da costa”.

O galeón Santiago de Galiza, un barco da Real Armada de Filipe II, arribou a Ribadeo en mal estado acompañado de dúas urcas. Afundiuse o 13 de novembro de 1597 e a tripulación foi auxiliada e acollida por ribadenses. Trátase do galeón mellor conservado das augas territoriais españolas e un dos máis avanzados de finais do século XVI en técnica construtiva.

0.21182203292847