Abre o prazo para solicitar os campamentos de verán da Xunta
A Consellería de Política Social e Xuventude abriu onte o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 18 anos, que se estenderá durante 10 días hábiles, ata o 2 de maio. En Lugo oferta 1.780 prazas, distribuídas en 30 quendas ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro en seis instalacións da provincia.
Igualmente, poden solicitarse as prazas nos campos de voluntariado en Galicia, entre elas as 135 que se ofrecen na provincia de Lugo. Están dirixidos a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e a convocatoria estará aberta ata 3 días antes do comezo de cada campo.
A Campaña de Verán ten como lema este ano ‘O verán que sempre vas lembrar’ e contará cun total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas.
No que respecta aos campamentos da provincia, celebraranse no albergue xuvenil de Area, en Viveiro; na Devesa, en Ribadeo; nos Chacotes, en Palas de Rei; no albergue Benigno Quiroga de Portomarín, no Lug II na capital, e en Carballedo.
Entre as novidades da campaña deste ano destaca o desenvolvemento dun novo campo de voluntariado en Pantón, no castro da Guítara. Así mesmo, en Castro de Rei terá lugar outro específico para mozos galegos no exterior, no castro de Viladonga. Completan a oferta da provincia os campos de Folgoso do Courel, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Palas de Rei, Friol e Quiroga.
Ao respecto, cómpre lembrar que tamén está aberto o prazo para presentar solicitudes para os campos de traballo internacionais, e o 2 de maio abrirase o dos campos noutras comunidades autónomas. Este ano mantéñense os intercambios con País Vasco (Álava-Araba), Castela e León, Estremadura e A Rioxa e incorpóranse, como novidade, os de Castela- A Mancha, Madrid e Cantabria.
A participación na Campaña de verán 2023 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple, no caso de irmáns. Todos os detalles da oferta poden consultarse na páxina web de Xuventude.
As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.