Abre o prazo para solicitar as axudas da apicultura

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta convoca as axudas para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura que ascende a 1,3 millóns de euros.
abella apicultura
30 May 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería do Medio Rural que establece o réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e se convocan para este ano cun orzamento de 724.183 euros. Esta orde virá seguida dunha ampliación presupostaria que elevará o importe global a preto de 1,3 millóns de euros, tras o incremento de fondos confirmado por parte tanto da Unión Europea como do Estado e da Xunta. Isto supón case o dobre do orzamento do ano pasado, cando a partida total ascendera aos 724.105 euros.

A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

No primeiro caso, será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e -como novidade deste ano- a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragarase tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.

Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contémplase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado está pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos  apícolas ou sobre novas formas para presentalos.

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorará que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Cómpre apuntar que estas subvencións incorporan tanto fondos propios da Xunta como do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). A repartición da Unión Europea e do Estado faise en relación ao número de colmeas existentes en cada territorio, que en Galicia superan as 200.000.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar dende mañá. Cabe sinalar que o ano pasado se esgotou practicamente todo o crédito dispoñible, resultando beneficiarias oito asociacións que agrupan 1.800 apicultores e 11 particulares. 

O sector apícola en Galicia

O sector apícola galego ocupa o terceiro lugar de España en número de explotacións - 4.663 que representan case o 14% do total-,  por detrás de Castela e León e Andalucía. Son xeralmente pequenas explotacións cun total de 200.000 colmeas, que supoñen algo máis do 6% do total nacional. Estes datos reflicten un incremento do 35% do número de explotacións apícolas nos últimos dez anos, mentres o número de colmeas se duplicou.

Canto á produción de mel, ocupamos o quinto lugar do Estado -unhas 3.000 toneladas, 8% do total-, por detrás de Andalucía, a Comunidade Valenciana, Extremadura e Castela e León. Outro dato a destacar é que a idade media dos apicultores galegos profesionais (os que teñen máis de 150 colmeas) é a segunda máis baixa de España ao establecerse nos 41 anos, tan só por detrás de Asturias.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20646810531616