Abre o prazo para inscribirse no Programa Corresponsables Campamento Urbano de Verán 2023 de Viveiro
Abre o prazo para inscribirse no Programa Corresponsables Campamento Urbano de Verán 2023, que se desenvolverá dende o 3 de xullo ao 31 de agosto de 2023, no concello de Viveiro.
As bases de selección e o modelo de solicitude estarán publicadas no taboleiro de anuncios dixital e na paxina web do concello.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o 14 de xuño, sendo preferible facelo pola sede electrónica, aínda que tamén poderán presentarse presencialmente no Rexistro do Concello, onde se facilitarán os modelos de solicitude.
O campamento de verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019, ambos incluídos, e realizarase no pavillón do CEP Lois Tobío, de luns a venres, en horario de 8,30 a 14,15, con entrada flexible ata as 10,00.
Ofértanse un total de 110 prazas co compromiso de garantir un espazo de lecer e favorecer a conciliación familiar nestes meses estivais, ampliando en 10 as prazas ofertadas respecto do ano pasado e ofrecendo a posibilidade de participar os 2 meses de duración do mesmo. Tamén se da maior flexibilidade ás familias, podendo participar por quincenas e non só o mes enteiro, como era habitual, ampliando, deste xeito, as opcións de participación.
A principal novidade deste ano é a posta en marcha dunha bolsa de 30 horas de coidado profesional para menores ata 16 anos, facilitando a familias que por temas laborais, administrativos ou médicos necesiten un recurso de coidado de xeito puntual, no que terán prioridade as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos e unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.
Coa posta en marcha desta iniciativa novedosa búscase ampliar a oferta de conciliación ofrecida dende o Conecllo, así como explorar esta experiencia piloto de cara a implementala ao longo de todo o ano.