Abre o prazo dun mes para a incorporación dos novos médicos aos centros de saúde

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de onte, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, polo que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, convocado pola Resolución do 4 de maio de 2023.
27 Xan 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de onte, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, polo que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, convocado pola Resolución do 4 de maio de 2023. As persoas nomeadas disporán do prazo máximo dun mes para incorporarse de modo efectivo no destino elixido.

Deste xeito, darase cobertura estable a 64 prazas de atención primaria de difícil cobertura que, ou ben se atopaban vacantes ou estaban cubertas por persoal interino e que non foran elixidas nos últimos procesos de concurso de traslados ou ofertas de emprego público.

Galicia incorpora con este proceso a 8 profesionais que non traballaban previamente en ningún outro servizo do Sergas, senón que proveñen doutras comunidades autónomas ou de organismos estatais como o Instituto Social da Mariña, e que decidiron optar a esta oportunidade de lograr unha praza en propiedade no Sergas.

Unha vez remate o prazo de toma de posesión, as 8 prazas que non foron adxudicadas nesta primeira rolda (A Mezquita, Calvos de Randín-Baltar, O Carballiño, O Carballiño-Beariz, Cualedro-Laza, Lobios-Entrimo, Ribeira e A Pobra de Trives) serán ofertadas de novo ao conxunto de persoas aspirantes que non obtiveron praza.

Estas adxudicacións prodúcense trala publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 15 de decembro, da resolución pola que se fixo público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, relativo á baremación definitiva dos méritos do concurso, á publicación dos aspirantes seleccionados e pola que se convoca para o acto de elección de destino.
Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria, namentres o Goberno central non reforma a lexislación do Estatuto Marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, tal e como acordou por unanimidade o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en abril de 2018.

A través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega foi pioneira na medida, e así contará con novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura, e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos.

Na área sanitaria da provincia de Lugo as prazas adxudicadas están en Baralla, Burela, Castro de Rei (Castro Ribeiras de Lea), Guntín, Meira, Monforte de Lemos, O Vicedo, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Viveiro e Xermade. Tamén se adxudicou unha nas Pontes.

Desta forma, nas próximas semanas incorporaranse 64 profesionais de medicina familiar e comunitaria a estes centros de saúde.

0.084221839904785