Abre o prazo de solicitude das axudas para a contratación de orientadores laborais

TerraChaXa | AMariñaXa
Os concellos, entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social e as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia xa poden solicitar as axudas da Xunta para apoiar a contratación ou mantemento de orientadores laborais.
26 Feb 2019
Os concellos, entidades sen ánimo de lucro especializadas na atención a persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social e as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia xa poden solicitar as axudas da Xunta para apoiar a contratación ou mantemento de orientadores laborais. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta liña de apoios á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,1 millóns de euros. O prazo de solicitude está aberto ata o próximo 12 de marzo.
A Administración autonómica prevé con estes apoios a creación ou mantemento de 251 empregos. Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención a persoas con capacidades diferentes.
Galicia conta cunha Rede galega de orientadores laborais, formada por preto de 500 persoas, que atende de media a máis de 80.000 desempregados.
Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.
A mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a traballar para poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, achegando o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e en liña, para o que está a facer unha importante aposta polo desenvolvemento das novas tecnoloxías.
0.18533396720886