Abre o prazo de inscrición no programa Reconecta-te de Viveiro
O Concello de Viveiro organiza unha tarde de festa e convivencia gratuíta para as persoas maiores de 65 anos o próximo domingo 23 de outubro, unha actividade incluída no programa ‘Reconécta-te’.
A festa será no pavillón Antonio Tarrio do IES Vilar Ponte desde as 19:00 horas e inclúe uns pinchos, chocolatada e música en directo. A iniciativa vai dirixida a que os veciños e veciñas maiores de 65 anos pasen unha tarde de diversión, fraternidade e convivencia.
O prazo para inscribirse comeza mañá, venres 14 de outubro, e remata o próximo xoves, 20 de outubro.
Haberá catro puntos de recollida de entradas: no Concello de Viveiro, de luns a venres e de 09:00 a 14:00 horas; no centro sociocultural Casa do Forno de Celeiro, de luns a venres de 16:00 a 21:00 horas; no centro sociocultural de Covas, de luns a venres de 15:00 a 20:00 horas e os domingos de 15.30 a 19.30 horas, e no Espazo +60 de Viveiro (centro social Afundación Abanca), de luns a venres de 10:00 a 13.30 e de 15.30 a 21:00 horas.
O Concello de Viveiro ten entre as súas prioridades o fomento dos hábitos de vida saudables entre os seus veciños e veciñas, e no marco deste obxectivo pon en marcha o programa ‘Reconécta-te’ para as persoas maiores de 65 anos.
O programa ‘Recnoecta-te’ inclúe clases de iniciación ós bailes de salón, ioga para maiores e un taller dinámico de nutrición e actividade física.
“Traballamos desde hai tempo para impulsar o envellecemento activo e para elo organizamos desde o concello estas actividades, dirixidas a homes e mulleres a partir de 65 anos”, explica a alcaldesa, María Loureiro.