Abre o prazo das axudas para recuperación de soutos e explotacións apícolas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou cadansúa orde da Consellería do Medio Rural polas que se convocan axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros e para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos incendios forestais que se produciron en Galicia o ano pasado, por un importe total de 750.
abellas apicultura
29 Maio 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou cadansúa orde da Consellería do Medio Rural polas que se convocan axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros e para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos incendios forestais que se produciron en Galicia o ano pasado, por un importe total de 750.000 euros.

En concreto, as achegas para recuperación de soutos están dotadas cun orzamento de 500.000 euros, que irán destinados a compensar os danos causados polos incendios rexistrados no mes de xullo de 2022. A solicitude desta subvención e os trámites administrativos posteriores poden facerse por medio dunha entidade colaboradora que, á súa vez, tamén realizará os traballos de campo e as obras necesarias para a execución das accións subvencionables.

No caso das subvencións para o sector apícola, a dotación é de 250.000 euros e os fondos destinaranse a paliar as perdas de produción daquelas explotacións localizadas nos concellos onde se rexistraron grandes lumes forestais durante o ano 2022, con máis de mil hectáreas afectadas.

Axudas para recuperación de soutos

No que atinxe ás axudas para recuperación de soutos, ábrense tres liñas de financiamento. En primeiro lugar, de achegas para corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polo lume, roza do souto e plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados.

En segundo termo, outra liña destínase á reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores, así como nos cerramentos dos soutos. En terceiro lugar, establécense axudas para a reparación dos danos nos equipamentos inmobiliarios auxiliares da explotación do souto para castaña. Nestas dúas últimas liñas, a súa petición está condicionada a que se solicite a primeira opción das axudas (corta, roza e plantación).

Os beneficiarios destas subvencións serán os titulares, arrendatarios ou persoas que teñan un dereito de explotación e/ou xestión dos soutos, quedando excluídas as administracións ou entidades do sector público. Tamén poderán obter estas axudas aquelas persoas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia resulten seleccionadas, segundo o establecido nesta norma. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde 40 días hábiles seguintes á xornada de hoxe, data da publicación desta convocatoria no DOG.

Nesta orde tamén se fixan as bases para a selección de entidades colaboradoras participantes na xestión destas axudas. Así, establécese que poderán ter tal condición as entidades privadas con personalidade xurídica e os empresarios individuais, e que ambos os dous estean inscritos no Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor). Explícanse, así mesmo, os requisitos, condicións e obrigas que terán que cumprir para poder colaborar. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de 10 días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As axudas convócanse en concorrencia non competitiva.

Axudas para explotacións apícolas

As axudas para paliar as perdas de produción nas explotacións apícolas consistirán nun pagamento a tanto global, cunha contía de 20 euros por colmea declarada. Os beneficiarios serán os titulares deste tipo de explotacións -excluídas as administracións ou entidades do sector público, así como as de autoconsumo- que teñan asentamentos apícolas nos concellos con máis de mil hectáreas afectadas por incendios no ano 2022.

Neste caso en concreto, o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase tamén en réxime de concorrencia non competitiva.

Enlace á orde do DOG sobre soutos.

Enlace á orde do DOG sobre explotacións apícolas.

0.14909410476685