A Deputación de Lugo, representada pola deputada Carmela López, participou na apertura dunha nova residencia de saúde mental en Cervo, que conta con capacidade para atender a 20 persoas. O centro será xestionado polo colectivo Saúde Mental da Mariña, que recibe unha achega anual de 15.000 euros da Deputación para sufragar os gastos de funcionamento. Durante o acto de inauguración, Carmela López destacou o compromiso da institución provincial con este tipo de proxectos, subliñando que "a saúde mental debe ser unha prioridade real e efectiva".
A deputada insistiu en que "cando falamos de saúde mental, falamos de algo que nos afecta a todas as persoas e que require dun acompañamento próximo, sen prexuízos e con moita sensibilidade". López salientou a importancia desta nova residencia, afirmando que "a súa creación significa que estamos poñendo as necesidades das persoas no centro". Ademais, subliñou que os residentes "van atopar apoio especializado, empatía, respecto e un lugar onde ser eles mesmos".
A deputada tamén recordou que as políticas sociais da Deputación de Lugo "son unha parte esencial do noso traballo", sinalando que máis dun terzo do orzamento provincial se dedica a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia. "Non hai maior sinal de avance social que garantir que cada persoa, independentemente das súas circunstancias, teña acceso a un apoio adecuado e digno", concluíu.
Na inauguración, que tivo lugar na Praza do Souto de Cervo, participaron tamén o Presidente de Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado; o Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, José Ramón Girón García; e a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entre outras autoridades. A Asociación Saúde Mental A Mariña naceu no ano 1999 coa finalidade de ofrecer atención continuada ás persoas con enfermidades mentais na comarca da Mariña e apoiar ás súas familias, proporcionándolles ferramentas para enfrontar situacións difíciles. A nova residencia, situada no centro de Cervo, atenderá pacientes de toda Galicia con trastorno mental persistente, de entre 18 e 60 anos.
Este centro aspira a ofrecer un lugar seguro e de apoio para os doentes, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e favorecer a súa integración social. Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño quixo destacar no acto que a Xunta está a traballar nun novo Plan de saúde mental que incluirá a formación dunha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria, que dependerá dos servizos de psiquiatría das áreas sanitarias, e que estará coordinada por profesionais de psicoloxia clínica.
Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, a saúde mental é unha cuestión prioritaria para a Xunta. Así quedou demostrado co desenvolvemento do Plan de saúde mental poscovid. Por medio desta iniciativa, incrementouse o número de profesionais, ademais de crearse hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil e unha segunda unidade de hospitalización en Vigo.