Abre en Burela o prazo de inscrición para o Día da 3º xuventude

O Concello de Burela abrirá o vindeiro luns o prazo de inscrición para participar no Día da 3ª Xuventude, unha das citas máis especiais do calendario social do municipio, dirixida a recoñecer e celebrar o papel das persoas maiores na construción da vila.
A xornada terá lugar o venres, 1 de maio de 2026, no pavillón dos Institutos, a partir das 14:30 horas, cun programa pensado para fomentar a convivencia, o reencontro e o goce colectivo. O evento contará con prazas limitadas, polo que será necesario formalizar previamente a inscrición.
As persoas interesadas poderán anotarse en horario de 10:00 a 14:00 horas. Para participar será preciso estar empadroado no Concello de Burela e cumprir cos requisitos de idade: ter 65 anos cumpridos ou ben 60 anos sendo pensionista do sistema da Seguridade Social ou xubilado do mar. Ademais, permitirase a asistencia acompañada da parella.
A concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, destacou a importancia desta celebración, sinalando que “o Día da 3ª Xuventude é un dos momentos máis especiais do ano, porque nos permite parar, xuntarnos e recoñecer a quen leva toda unha vida construíndo Burela. Falamos de persoas que coidaron, traballaron, loitaron e sacaron adiante ás súas familias e ao noso pobo. Este día é tamén unha forma de dicirlles grazas”.
Co obxectivo de facilitar a asistencia, o Concello habilitará un servizo de autobús, con saída ás 14:00 horas desde a Praza do Concello e regreso ás 19:45 horas desde o Pavillón.
Desde o Concello de Burela anímase a todas as persoas que cumpran os requisitos a participar nesta xornada de convivencia e recoñecemento, pensada para poñer en valor a experiencia, o esforzo e a contribución das persoas maiores á comunidade.