Aberto x Vacacións arrinca en Foz cunha participación récord

Foz
AMariñaXa
Os campamentos municipais acollen a 140 nenos e nenas e ofrecerán actividades lúdicas ata finais de agosto
FOZ-INAUGURACIoN-DO-PROGRAMA-ABERTO-POR-VACACIoNS-2025
3 Jul 2025

Foz deu comezo este mércores, 2 de xullo, á nova edición do programa Aberto x Vacacións, unha proposta de campamentos de verán que nesta ocasión acada cifras históricas de participación. Son 140 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos os que desfrutarán desta iniciativa municipal, que se prolongará ata o 29 de agosto en quendas de quince días.

A actividade, que ten como base o CEIP O Cantel, conta cun equipo de dez monitores encargados de dinamizar un amplo abano de propostas lúdicas e deportivas pensadas para estimular a creatividade e a convivencia.

Na primeira xornada estiveron presentes o alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto co concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, e a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena. O edil destacou “a magnífica acollida deste programa, que medra ano tras ano, e que este verán incorpora ademais un servizo de madrugadores con corenta inscritos, o que facilita a conciliación familiar”.

Fernández Neira explicou que as actividades inclúen inchables, kaiak, deslizadores e xogos de auga, entre outras sorpresas. “Na visita inaugural, vimos aos máis cativos formando un círculo e transformando unha simple tea na carpa dun circo. É marabilloso ver como xogan e dan renda solta á imaxinación. Non hai dúbida de que é un éxito rotundo”, engadiu.

O Concello quixo agradecer especialmente o labor da técnica municipal Carmen Seco, clave na organización deste programa que se consolida como unha referencia na oferta de ocio educativo da Mariña durante o verán.

⚙ Configurar cookies
0.16420602798462