Aberto o prazo para solicitar no Concello de Xove as bolsas e axudas ao estudo
Ata o 19 de novembro estará aberto o prazo para solicitar no Concello de Xove as bolsas e axudas ao estudo 2021/2022. Para formalizar as solicitudes haberá que facelo presencialmente no Departamento de Servizos Sociais, ou ben a través da Sede Electrónica. Toda a documentación necesarioa está colgada na páxina web do Concello.
Estas bolsas e axudas ao estudo reguladas nas presentes bases teñen por obxecto atender a sufragar os gastos derivados do aloxamento, material e pago das taxas ou prezos de quen se atope realizando estudos, coas dotacións máximas e demais condicionantes que se fixan nas bases posteriores. A contía destinada ás presentes axudas é de 43.200 euros.
As bases reguladoras da concesión de Bolsas e Axudas ao Estudo do Concello de Xove contemplan as seis modalidades. A modalidade 1 é ao estudo universitario e está dotada con 1.200 euros cada unha, cunha contía mínima de 100 euros.
A modalidade 2 será para ciclos formativos que cursen especialidades que non existan en Xove, San Cibrao, Viveiro ou Burela, dotadas con 600, euros cada unha e cunha contía mínima de 100.
A terceira modalidade será para alumnos con discapacidade física ou psíquica que asistan a clases de educación especial ou a terapias de estimulación e está dotada con 750 euros cada unha.
A modalidade 4 son axudas para compra de material escolar e contan con 65 euros para Preescolar:, 60 para Primaria e ESO, 125 para Bacharelato e ciclos formativos.
A modalidade 5 son axudas para doutoramento e está dotada con 1.200 euros e a última, a 6, serán axudas para master e será de 500.