Aberto o prazo para solicitar as axudas Leader 2023-2027 en Terras de Miranda

AMariñaXa
A convocatoria, dotada con máis de 457.000€, permanecerá aberta ata o 30 de maio para proxectos produtivos e sociais
Xunta-Directiva-do-Gdr-Terras-de-Miranda-2025
17 May 2025

O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda vén de abrir o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria Leader 2023-2027, que estará vixente desde o 30 de abril ata o vindeiro 30 de maio de 2025. Esta nova edición contempla unha dotación económica total de 457.173,78 euros, repartida en dúas anualidades, e destinada a proxectos tanto produtivos como non produtivos, co obxectivo de dinamizar e revitalizar o tecido socioeconómico do territorio.

As persoas interesadas poden consultar as bases reguladoras publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOGA nº 82, do mércores 30 de abril de 2025). Ademais, na web oficial do GDR (www.terrasdemiranda.org) está dispoñible o baremo das axudas así como o convenio entre a Consellería de Turismo e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, especialmente relevante para proxectos relacionados co ámbito turístico.

A convocatoria é de concorrencia competitiva, é dicir, os proxectos serán avaliados e seleccionados segundo criterios obxectivos. A data límite para a primeira xustificación das iniciativas é o 15 de outubro de 2025, e para a segunda e definitiva, o 15 de xullo de 2026. No caso de proxectos cunha única anualidade, o prazo remata tamén o 15 de outubro.

A tipoloxía das actuacións subvencionables abrangue desde investimentos produtivos no sector agrario ou forestal, ata proxectos de creación, modernización ou ampliación de empresas non agrícolas, así como iniciativas sen ánimo de lucro promovidas por entidades públicas locais, asociacións ou comunidades de montes.

As persoas ou entidades que desexen recibir información, asesoramento ou apoio técnico, poden solicitar cita previa e acudir á oficina do GDR situada na Rúa Julia Pardo Montenegro, 13, 1º andar, en Mondoñedo, ou contactar a través do teléfono 982 507 111 ou do correo electrónico terrasmiranda@gmail.com.

⚙ Configurar cookies
0.17091298103333