Aberto o prazo para solicitar a axuda para adquirir libros e material escolar en Cervo
O Concello de Cervo abre o prazo de solicitude de axudas para a adquisición de libros e material escolar para as familias do alumnado de Educación Infantil dos dous centros do municipio nos que se imparte este ciclo educativo. Deste xeito, a prestación afecta aos matriculados no CEIP Península da Paz e no CEIP de Cervo.
A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 9 de novembro. Cada impreso de solicitude deberá ir acompañado das fotocopias do DNI dos membros da unidade familiar, unha fotocopia do libro de familia, certificado do nivel de renda e factura da compra ou orzamento do material adquirido nun establecemento comercial do municipio.
A documentación ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello. Os impresos e as bases están dispoñibles na Casa da Cultura e no Concello de Cervo e tamén no taboleiro de anuncios da páxina web municipal.