Aberto o prazo para participar no Mercadiño de Ultramar de Ribadeo, unha cita central do Ribadeo Indiano

AMariñaXa
A feira celebrarase o 12 de xullo na rúa San Roque e prolongarase ao longo de toda a xornada, coincidindo co Festival de Habaneras
Ribadeo-Indiano-2024
10 Jun 2025

O Concello de Ribadeo vén de abrir o prazo de inscrición para todas aquelas persoas ou negocios interesados en participar no Mercadiño de Ultramar, que se celebrará o vindeiro 12 de xullo no marco da programación do Ribadeo Indiano 2024. As solicitudes poderán presentarse ata o día 16 de xuño, segundo informaron fontes municipais.

A rúa San Roque converterase durante esa xornada nun espazo de encontro entre o comercio local, os produtos artesanais e o espírito indiano que caracteriza esta festa, un dos eventos culturais máis emblemáticos do verán ribadense. O mercado abrirá as súas portas ás 11.00 horas e manterase activo ata a conclusión do tradicional Festival de Habaneras, prevista arredor das 22.00 horas.

A iniciativa busca recrear a estética e o ambiente dos mercados de ultramar, cunha ampla variedade de postos nos que se poderán atopar desde produtos gastronómicos ata pezas de artesanía, moda ou decoración. Desde o Concello destacan que se está a facer unha selección coidadosa das propostas para garantir a calidade, a diversidade e o respecto polos criterios establecidos na organización do evento.

Ademais de atraer visitantes, este mercado pretende ofrecer tamén unha oportunidade ao tecido económico da zona para amosar o seu traballo nun contexto de gran proxección cultural e turística.

⚙ Configurar cookies
0.1640100479126