Aberto o prazo para o alugueiro social dunha vivenda en Lagoa, Alfoz

O Concello de Alfoz abriu o prazo para solicitar o alugueiro social da vivenda situada na Escola de A Pinguela, na parroquia de Lagoa. Trátase dun inmoble de carácter patrimonial que, no seu día, foi a antiga casa dos mestres. O edificio, desafectado desde 2010, conta cunha vivenda na planta alta con acceso independente.
O inmoble dispón de dous dormitorios (un dobre e outro individual), salón-cociña, baño e lavadoiro, cunha superficie útil de 71,21 m². O equipamento inclúe cociña completa con forno, placa vitrocerámica e campá extractora, así como calefacción mediante unha caldeira de pellets de 8 kW e un termo eléctrico de 100 litros para a auga quente sanitaria. O baño está dotado dun toalleiro eléctrico, e a vivenda conta con instalacións eléctricas, de iluminación, tomas de teléfono e TV.
Tras a sinatura dun convenio co Concello de Lugo en 2023, a vivenda foi mellorada con novo mobiliario e electrodomésticos, cunha valoración total de 5.972 euros. O contrato de alugueiro terá unha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de cinco anos. O prezo do alugueiro é de 150 euros mensuais.
O prazo para presentar solicitudes é dun mes desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial de Lugo, é dicir, ata o 24 de marzo. As persoas interesadas poden consultar as bases e descargar o formulario na web do Concello de Alfoz.