Aberto o prazo para nomear ao próximo Vegadense do Ano

A Asociación Amigos de Vegadeo e o Concello informaron da apertura do prazo para presentar solicitudes ao premio Vegadense do Ano. Ata o próximo 31 de marzo, poderán enviarse as propostas a través do correo electrónico amigosdevegadeo@gmail.com.
Para facer candidato a unha persoa, será necesario cubrir os datos do aspirante, indicar os motivos da súa proposta e achegar o seu currículo.
O galardón recoñece a traxectoria e contribución de veciños e veciñas ao desenvolvemento social, cultural ou deportivo do municipio. Na edición de 2024, o premio foi concedido a Juan de la Cruz Antolín Rato, polo seu labor no impulso do baloncesto en Vegadeo, así como polo seu entusiasmo, constancia e dedicación para crear e manter un dos clubs deportivos máis lonxevos da localidade. Ademais, foi técnico, xerente, vicepresidente e presidente do club, participando activamente en múltiples actividades asociativas do municipio.