Aberto o prazo para matricularse no Punto de Atención á Infancia da Pontenova

O Concello da Pontenova vén de abrir o prazo de inscrición para o Punto de Atención á Infancia (PAI) de cara ao curso 2025/2026. As solicitudes deberán presentarse entre o 1 e o 31 de xullo no Rexistro municipal, en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Segundo o Regulamento de Réxime Interno do servizo, os nenos e nenas que xa estiveron matriculados no PAI no curso anterior terán prioridade para conservar a súa praza. Porén, tamén deberán presentar a correspondente solicitude de reserva. O resto das prazas asignaranse por orde de preferencia, conforme os criterios establecidos na normativa.
No caso de novo ingreso, as familias deberán achegar unha serie de documentos: o libro de familia ou certificación de inscrición no Rexistro Civil; o título de familia numerosa, se é o caso; o DNI ou pasaporte dos pais, nais ou representantes legais; un certificado de convivencia expedido polo Concello; e documentación que acredite a situación económica da unidade familiar, como a declaración da renda ou xustificantes de exención. Tamén se esixe o carné de vacinación actualizado, un certificado médico que confirme que o neno non padece enfermidades infecto-contaxiosas, e unha copia da tarxeta sanitaria ou documento equivalente. Ademais, deberán entregarse catro fotografías tamaño carné e unha autorización por escrito das persoas que poden recoller ao menor. No caso de que o neno ou nena precise medicación ou tratamento médico, será precisa unha autorización asinada polos proxenitores, detallando o tipo de tratamento e os horarios de administración. Así mesmo, deberase achegar un informe sobre posibles alerxias alimentarias ou físicas, e, se é o caso, documentación que xustifique a situación laboral dos proxenitores, como contratos de traballo ou certificados de empresa.
O alcalde-presidente, Darío Campos Conde, asinou electronicamente o documento que regula este proceso. O aviso oficial deixa claro que é imprescindible presentar toda a documentación no prazo fixado para optar a unha praza neste servizo municipal.