Aberto o prazo para inscribirse nas escolas deportivas de Burela
A concellería de Deportes organiza unha nova edición das escolas deportivas de inverno. O prazo de inscrición estará aberto do 25 ao 27 de setembro na Casa da Xuventude, en horario de 8.00 a 14.00 horas, e o prezo será de 8 euros ao mes por cada actividade. As escolas que se ofertan son: tenis, atletismo, patinaxe lúdico e como novidade haberá rutas en bicicleta. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explica que esta tempada non haberá nin zumba nin patinaxe artístico, posto que estas dúas disciplinas eran impartidas por unha empresa contratada polo Concello e ao estar a Corporación Municipal en funcións a lexislación non permite facer estas licitacións.
O edil contou que “do día 25 ata o día 27 está aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas de inverno do Concello de Burela. O prezo de cada actividade vai ser de 8 euros mensuais e para anotarse hai que ir á Casa da Xuventude, en horario de 8:00 a 14:00 horas”.
Ramiro Fernández sinalou que “este ano as actividades que imos ofrecer van ser tenis, que é unha das clásicas que sempre estamos dando colaborando un pouquiño co club de tenis. Tamén imos ter atletismo, que era unha das actividades novidosas que presentamos este ano xa que había un compromiso para intentar que o atletismo teña tamén cabida no deporte de Burela e visto os éxitos que están colleitando os nosos corredores nas probas populares por alí por onde participan. Ademais imos ter patinaxe lúdico, que vai impartir Lucas, e outra novidade que imos incorporar despois do éxito que tivemos no verán, son as rutas en bicicleta”.
O concelleiro de Deportes dixo que “tíñamos outras dúas actividades, que nos daba unha empresa que contratamos, que era patinaxe artístico e zumba que non imos ter posibilidade de ofrecer este ano posto que como estamos en funcións a lexislación non nos permite sacar ese contrato que estaba caducado. En todo caso imos intentar buscar fórmulas para poder dar polo menos o patinaxe artístico, porque era unha actividade moi demandada polos participantes, pero non está nas nosas mans agora mesmo, estamos mirando a ver se ao mellor máis adiante podemos sacalo, pero agora mesmo ao estar o goberno en funcións non podemos licitar ese contrato, co cal temos que esperar a sacalo máis adiante”.
Fernández Rey pide desculpas “á xente que participaba nesta actividade, pero teñen que entender que a lexislación é a que é, a situación do Concello é a que é, e realmente non podemos facer nada máis para solucionar esta situación”.
O edil burelés anima “á xente a participar e a pasalo ben nas actividades. Eu penso que entre estas ofertas que facemos desde o Concello e tamén a oferta deportiva que teñen todos os clubs de Burela, a verdade é que Burela é un concello moi grande en canto á actividade deportiva e eu penso que están máis que cubertas as necesidades dos rapaces e rapazas para practicar deporte aquí”.
As escolas deportivas comezarán o 1 de outubro e rematarán o 22 de maio. A partires do vindeiro luns, 30 de setembro, farase pública a lista de admitidos na Casa da Xuventude e recolleranse os xustificantes de pago. As actividades serán impartidas por Iván Cao Lucas, o técnico de Deportes do Concello de Burela.