Aberto o prazo de solicitude de instalacións de tempada nas praias
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou que o Servizo Provincial de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico abre o prazo de presentación de solicitudes para instalacións de tempada nas praias da provincia de Lugo para o ano 2023. Concretamente, son para a explotación de servizos como establecementos expendedores de comida e bebida, hamacas, antucas ou patines, entre outros.
Costas publica no Boletín Oficial do Estado o anuncio de información pública no que comunica que o prazo estará aberto desde mañá, 16 de novembro, ata o día 22 de decembro inclusive.
As persoas interesadas deberán presentar unha instancia acompañada por documentación coa proposta da zona a ocupar, indicando os metros cadrados, plano de situación e pranta nos que se represente a liña de deslinde do dominio público marítimo-terrestre, presuposto das instalacións e estudo da previsión dos beneficios netos no período solicitado e proxecto básico das instalacións xunto con fotografía da instalación, nos casos nos que fora posible.
No caso das solicitudes para actividades deportivas de carácter náutico, así como actividades que conleven o lanzamento ou varada de embarcacións, os solicitantes deberán acreditar a inscrición na Federación correspondente. No caso deste tipo de instalacións, só se poderán autorizar en treitos urbanos de praia e deberán ir acompañadas do informe da Federación.
En todo caso, as instalacións dos servizos de tempada deben respectar a lexislación vixente en materia de Costas e, en particular, as prescricións relativas a superficies de ocupación, distancias entre instalacións, concentración máxima ou efectividade da servidume de tránsito, entre outras.