Aberto o prazo de presentación de traballos para o III Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
Ata o 12 de abril está aberto o prazo para participar no III Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo.
IMG_7922
26 Mar 2019

Ata o 12 de abril está aberto o prazo para participar no III Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. Establécense tres modalidades: relato curto, poesía e debuxo. E haberá un premio de 500 euros por categoría. O Certame foi presentado esta tarde no salón de plenos polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña.

O edil nacionalista dixo que “un ano máis vén a primavera tamén para o mundo das letras e por terceiro ano o Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas do Concello de Ribadeo ve a luz. É un pracer ademais facelo diante desta imaxe tan preciosa que resultou gañadora o ano pasado, a edición anterior”.

Farruco Graña indicou que “pouco a pouco vai collendo forma e queremos animar aos mozos e mozas de Ribadeo, por suposto, e de toda A Mariña luguesa a que participen neste terceiro Certame Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo porque é a mellor ocasión para dar a coñecer as súas habilidades tanto literarias como plásticas. E poderán facelo, coma sempre, enviando as súas obras ao Concello de Ribadeo. Hai un prazo ata o 12 de abril de 2019 para enviar a súa obra e para consultar máis polo miúdo as bases do certame, que apenas mudan con respecto ás do ano pasado salvo obviamente as datas, poden facelo na sede electrónica do Concello de Ribadeo na sección de anuncios porque aí vén todo explicado polo miúdo. E ademais, por suposto, no muro de facebook da Concellería de Cultura tamén poden consultar toda a programación cultural en xeral do Concello e nesta ocasión tamén poden consultar as bases deste terceiro Certame Literario de Artes Plásticas Concello de Ribadeo”.

Para o concelleiro de Cultura “non hai que perder a oportunidade, hai que facer ese pequeno esforzo desas vivencias, esas sensacións, eses sentimentos que se levan dentro plasmalos por escrito ou mediante cores e figuras. Así que mozos e mozas dos institutos da Mariña luguesa animádevos a participar. O ano pasado houbo compañeiras vosas que o fixeron e tiveron a ocasión de ver premiada a súa obra. Así que qué mellor ocasión que participar e facermos entre todos cultura e apoiar o mundo das letras e das artes plásticas deste xeito”.

Graña engadiu que “a franxa de idade que abrangue este concurso é entre 16 e 30 anos, pero como sempre hai que poñer un límite concreto poden participar neste concurso todos aqueles mozos e mozas que naceran entre o 1 de xaneiro de 1988 e o 31 de decembro do ano 2002. E dito graficamente, por niveis, a xente que agora está facendo Bacharelato ou un ciclo formativo ata os 30 anos, un pouco como a idade simbólica do paso da adolescencia á idade adulta. É unha convención, pero é a que se utiliza habitualmente para estas cousas. Así que mozos e mozas de entre 16 e 30 anos non deixedes de participar”.

0.35675001144409