Aberto o prazo de inscrición para o XX Mercado do Nadal de Ribadeo

AMariñaXa
Artesáns e creadores poderán exhibir e vender as súas pezas do 28 de novembro ao 8 de decembro
ribadeo-Foto-Mercado-Nadal
26 Sep 2025

Ata o 20 de outubro permanece aberto o prazo de inscrición no XX Mercado do Nadal de Ribadeo. As bases para participar poden consultarse na páxina web do Concello.

A concelleira de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Marta Saiz, subliña que “o Mercado do Nadal quere ser un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e co deseño, así como unha plataforma na que se visualice o seu traballo e o talento creativo e innovador”.

Nesta tradicional cita, que chega á súa vixésima edición, poderán participar artesás con capacidade para exhibir e vender pezas de produción artesanal e de autoría propia; tamén produtos de gastronomía artesanal; e creadores, artistas e deseñadores como plásticos, gráficos, dixitais, así como creadores de xoguetes ou moda, sempre que poidan exhibir e vender pezas de autoría propia en pequena escala.

O Mercado desenvolverase do 28 de novembro ao 8 de decembro na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo, en horario de 11:00 a 14:30 horas polas mañás e de 17:00 a 21:00 horas polas tardes. O Concello establece un prezo de 150 euros por caseta e participante.

Marta Saiz anima “a todos os artesás de Ribadeo e da contorna a participar neste mercado, que encherá de maxia e creatividade a nosa vila durante esta xornada”.

⚙ Configurar cookies
0.082425832748413