Aberto o prazo de inscrición para o XVIII Ribadeo de Tapeo

AMariñaXa
Os establecementos hostaleiros interesados poden anotarse ata o 14 de marzo para participar no evento, que terá lugar do 10 ao 18 de maio
Entrega-premios-Ribadeo-de-Tapeo-2024
17 Feb 2025

Ata o 14 de marzo está aberto o prazo de inscrición para o XVIII Ribadeo de Tapeo, unha cita gastronómica consolidada que se celebrará do 10 ao 18 de maio.

A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, explicou que “poderán participar todos os establecementos hostaleiros e de restauración localizados en Ribadeo: bares, mesóns, restaurantes e cafeterías, que se inscriban e acepten as bases dispoñibles na web municipal www.ribadeo.gal”.

Saiz destacou que o obxectivo deste evento é “apoiar o desenvolvemento da cultura das tapas e fomentar a calidade da gastronomía local”. Os participantes poderán presentar unha tapa salgada ou doce, ou dúas tapas que combinen ambos sabores, podendo ser preparacións frías ou quentes.

As tapas deberán servirse durante un período mínimo de 4 horas ao día, en horario de mediodía, tarde ou unha combinación de ambas opcións, para facilitar a participación de todos os establecementos. Un xurado profesional elixirá as catro mellores propostas, mentres que o público tamén poderá escoller a súa tapa favorita mediante votación.

A edil de Promoción Económica anima “á hostalería da vila de Ribadeo e das parroquias a participar nesta cita gastronómica, que acada a súa maioría de idade neste 2025”.

0.17887187004089