Aberto o prazo de inscrición na Escola de Música de Burela para o curso 2025/2026

O Concello de Burela anunciou que xa se pode formalizar a matrícula para o curso 2025/2026 na Escola de Música municipal. O prazo permanecerá aberto desde hoxe, luns 1 de setembro, ata o 30 de setembro. As prazas son limitadas e diríxense a persoas de todas as idades a partir dos 4 anos, podendo escoller entre diferentes instrumentos.
Para inscribirse ou solicitar máis información, a veciñanza pode chamar ao 982 580 720, enviar un correo a escolademusica@burela.org ou acudir presencialmente á escola, situada na rúa do Cancelo, número 1.
O tenente de alcaldesa e concelleiro responsable da Escola, Mario Pillado, animou á cidadanía “a participar neste novo curso aprendendo un novo instrumento ou profundando nos coñecementos desta fermosa arte que é a música”.
Pillado destacou tamén que “a Escola de Música de Burela desempeña un papel esencial na vida cultural da vila, e entre todos e todas seguimos construíndoa un ano máis”.