Aberto o prazo de alegacións para o recrecemento definitivo do depósito de barros vermellos en Xove

AMariñaXa
A iniciativa promovida por Alúmina Española somete a información pública o proxecto, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental
adega-balsa-alcoa-v
13 Feb 2026

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves, 13 de febreiro, un acordo da Consellería de Economía e Industria polo que se inicia o período de información pública do proxecto de recrecemento do depósito de barros vermellos situado no termo municipal de Xove, ata a cota 110 metros. A actuación está promovida por Alúmina Española e inclúe tanto o proxecto construtivo como o plan de restauración e o correspondente estudo de impacto ambiental.

Segundo recolle o anuncio oficial, o procedemento ábrese en cumprimento da normativa vixente en materia de avaliación ambiental e xestión de residuos procedentes da industria extractiva. A documentación sométese a consulta pública durante un prazo de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación no DOG.

Durante ese período, as persoas interesadas poderán consultar o proxecto completo, así como presentar alegacións ou suxestións. A documentación está dispoñible tanto nas dependencias do Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo como no portal web da Xunta de Galicia. As alegacións deberán dirixirse ao director territorial correspondente polos medios establecidos na lexislación administrativa.

Este novo trámite chega mentres se atopan en execución as obras de reforzo e recrecemento do depósito de barros vermellos ata a cota 104 metros, uns traballos que, segundo as previsións, rematarán a finais deste ano. Unha vez concluída esta fase, a intención da empresa sería acometer unha nova ampliación ata os 110 metros, cun prazo estimado de execución de arredor de tres anos.

Esta última actuación suporía o recrecemento definitivo do depósito e levaría aparellada a súa clausura. Ambas intervencións teñen como obxectivo prolongar a vida útil da planta de produción de alúmina, que deposita neste emprazamento os residuos xerados no seu proceso industrial. Segundo fontes sindicais, a capacidade resultante permitiría manter a actividade da instalación ata, polo menos, o ano 2035.

⚙ Configurar cookies
0.090822219848633