Aberta a licitación para mellorar o abastecemento e saneamento en Foz

O Concello de Foz abriu o prazo de presentación de ofertas para a concesión do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais. O contrato, valorado en 29.013.066,19 euros, terá unha duración de 15 anos sen posibilidade de prórroga. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 24 de abril a través da Plataforma de Contratación do Estado.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou a relevancia deste contrato, sinalando que se trata da concesión “máis importante, por volume e necesidade, desta lexislatura e da historia do Concello de Foz”. Entre as melloras que incluirá a nova xestión, subliñou a implantación dun mantemento preventivo da rede de saneamento, a xestión integral do sistema de depuración e a incorporación ao servizo das fosas de Santa Cilla, San Martiño e Santo Acisclo, que ata agora non estaban incluídas.
Ademais, o contrato contempla investimentos por valor de máis de 3,67 millóns de euros. As empresas aspirantes poderán mellorar a súa puntuación ofertando un investimento de 500.000 euros para renovar a condución xeral de abastecemento entre os depósitos de Fazouro e Pico do Castro. Tamén deberán aportar un canon inicial de 1,1 millóns de euros para o ciclo integral da auga, así como mellorar as plantas potabilizadoras de Cordido e Fazouro. A adxudicataria estará obrigada a renovar o sistema de filtrado en Cordido cun investimento de 100.000 euros e a levar a cabo unha reforma integral da potabilizadora de Fazouro, cun custo de 1,1 millóns de euros.
Entre as prioridades do proxecto está evitar os problemas que se produciron no verán de 2023 coa presenza de trihalometanos por riba dos niveis permitidos debido ao exceso de materia orgánica. Para iso, prevese a substitución do sistema de decantación, a mellora dos reactivos e a incorporación dun pre-tratamento con ozono. Ademais, destinarase unha partida anual de 58.000 euros, ampliable segundo as ofertas, para reparar avarías na rede de distribución, tanto no casco urbano como nas parroquias.
“O obxectivo principal é garantir a máxima calidade da auga que chega ás billas dos fogares e preservar o noso medio natural, devolvendo un caudal completamente depurado á ría e ao mar”, concluíu Cajoto.