Aberta a inscrición para un curso en Ribadeo de socorrismo acuático en espazos naturais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria dun curso de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais que se impartirá en Ribadeo. En toda Galicia haberá seis edicións repartidas por diferentes localidades.
No caso de Ribadeo, as datas aínda non están pechadas pero publicaranse proximamente na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). En todo caso, impartirase antes do mes de xullo. Hai 27 prazas dispoñibles e o número de horas lectivas será de 240.
A inscrición é gratuíta e poderá facerse ata o 4 de marzo. Os interesados deberán cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp.
Poden participar as persoas maiores de idade que teñan o título de graduado en ESO e que non estean inscritas de forma definitiva na sección ou seccións correspondentes do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
O obxectivo desta actividade é proporcionar a formación mínima que deben reunir os socorristas acuáticos para o seu exercicio profesional na Comunidade. Ademais dunha proba específica de natación, o programa inclúe contidos sobre prevención de situacións de risco e vixilancia en instalacións acuáticas e en espazos acuáticos naturais; intervención e rescate; primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias.