ABANCA e Afundación presentan en Burela a exposición fotográfica 'Auga. O sangue da terra'

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela acolleu esta mañá a inauguración da exposición fotográfica «Auga.
ABANCA e Afundación presentan en Burela a exposición fotográfica 'Auga. O sangue da terra'
4 Maio 2019

A Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela acolleu esta mañá a inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Burela, ABANCA e Afundación, institucións que estiveron representadas no acto coa presenza do alcalde, Alfredo Llano; o coordinador de Negocio Institucional en Lugo de ABANCA, Óscar Rodríguez; e a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano. Tamén asistiron un grupo de estudantes do IES Monte Castelo de Burela. A mostra permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 28 de maio, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h. 

Esta proposta é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A exposición «Auga. O sangue da terra»

«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

0.16906905174255