Abanca, Afundación e o Concello de Burela asinan un convenio de colaboración cultural

TerraChaXa | AMariñaXa
29 Abr 2019

ABANCA, Afundación e o Concello de Burela asinaron esta mañá, ás 12.45 h, no Concello, un convenio de colaboración cultural mediante o que as tres entidades desenvolverán a exposición «Auga. O sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel. Asistiron á sinatura o alcalde, Alfredo Llano García; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez Rodríguez; e a coordinadora institucional de Afundación para Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o vindeiro 3 de maio na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela (rúa Pardo Bazán, 6) e permanecerá aberta de luns a venres de 10.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h, ata o 28 de maio.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

0.18938708305359