AAVV O Torques de Marzán organiza unha excursión cultural a Santiago o 24 de maio

A Asociación de Veciños O Torques de Marzán prepara unha xornada cultural para o sábado 24 de maio de 2025 cunha viaxe organizada a Santiago de Compostela. A iniciativa conta co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e está aberta tanto a persoas socias da entidade como ao público en xeral.
A saída está prevista dende o Parque do Cristo ás 8:00 horas e dende o Concello de Foz ás 8:05 horas. O custe da actividade é de 40 euros para socios e 64 euros para non socios, e inclúe o desprazamento de ida e volta, unha visita guiada polo conxunto monumental da cidade e un xantar nun restaurante do centro histórico compostelán.
As persoas interesadas poden inscribirse na tenda Hilván (Chelo), situada na Rúa da Cadra nº 2 baixo, en Foz. A data límite para retirar os billetes é o 16 de maio, e as prazas están limitadas ata completar o aforo do autobús.
Desde a organización animan a participar nesta proposta cultural que permitirá gozar dun día de convivencia, coñecemento patrimonial e gastronomía no corazón de Galicia.