A zona da Atalaia de Cervo será o primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña
O Concello de Cervo contará co primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña que se erixirá, como non podería ser doutro xeito, na zona da Atalaia.
Así o anunciou o rexedor, Alfonso Villares, que explicou que nos vindeiros meses, a comezos de ano, e logo dun longo e complexo proceso, por fin poderemos ver ese cambio na fachada de San Ciprián, “porque comezaremos a derrubar ese esqueleto que ten un impacto visual tan negativo na península, e que puidemos adquirir recentemente, por medio dunha poxa pública”.
Villares explicou que se derrubará o groso da construción que provoca ese feísmo, mantendo os baixos da edificación “que aproveitaremos para a creación do Centro Arqueolóxico da Mariña, o primeiro destas características na contorna; porque entendemos que todos os restos do Castro da Atalaia como doutros xacementos da nosa zona, merecen ocupar o lugar que lles corresponde para a súa posta en valor”.
O rexedor e a edil de Patrimonio, mantiveron un encontro con membros de Mariña Patrimonio e tamén do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, para trasladarlles esta idea “que situará a Cervo como referente en materia de arqueoloxía e patrimonio na Mariña ao tempo que reparamos toda a panorámica da zona”.
Cabe recordar que o Concello de Cervo é xa titular tanto do esqueleto como do edificio que levaba moitos anos deshabitado e que está situado ao seu carón o que nos permitirá por fin “cumprir con ese obxectivo que levamos anos perseguindo desde o equipo de goberno que pasa por recuperar toda esa zona e dotala dunha imaxe renovada e integrada na paisaxe”.
Con respecto ao esqueleto no que se situará o Centro de Arqueoloxía da Mariña, Villares recordou, que o edificio xunto cos terreos, saíu a poxa logo dos trámites administrativos realizados desde o Concello o que permitiu chegar a esta situación. Un camiño que non foi nada sinxelo de percorrer –explica- e que nos fai retrotraernos varios anos atrás, “no 2019 iniciouse un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas; por un valor total de 13.000 euros; e entremedias aprobouse tamén o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia”. Todos estes pasos previos permitíronnos chegar agora a esta situación tan favorable de ser o Concello de Cervo o titular da estrutura e da parcela na que foi levantada no ano 2007, e que pretendía albergar 42 vivendas, con garaxes e rochos, en 7 niveis diferentes.
Ademais, xa se fixo a acta de replanteo da obra para acondicionar unha praza neste barrio da Atalaia. Unha actuación que está enmarcada no plan Hurbe da Xunta de Galicia que xa adxudicou o proxecto por un importe que supera os 400.000 euros, financiado ao 70% pola Administración autonómica e o 30% restante polo Concello de Cervo.
Tal e como subliñou Villares, “con estas actuación queremos poñer en valor toda esta zona tan privilexiada do noso Concello, como é a Atalaia, que, coa nova Praza e co Centro de Arqueoloxía, sumará atractivos para desfrute da veciñanza e tamén das persoas que se acheguen a visitarnos”.