A XXXVIII Feira do Bonito volve situar a Burela como a capital dos produtos do mar
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca os Grupos de Acción Local (GALP) como instrumentos necesarios para a mellora da competitividade do sector pesqueiro, a creación de emprego e a atracción da mocidade. Así o indicou na inauguración do primeiro dos seis parladoiros organizados para este ano polo GALP Mariña-Ortegal, e que se desenvolve no marco da XXII Feira Produart.
Trátase, en definitiva, segundo apuntou o máximo responsable de Mar, de reforzar a cadea de valor e multiplicar as oportunidades que derivan da importancia e do arraigo destas actividades para as súas comunidades. Neste senso, o labor destes Grupos vai máis alá de proporcionar axuda financieira a proxectos individuais, xa que as súas iniciativas teñen como finalidade crear novos vínculos entre os axentes locais, ofrecendo orientación estratéxica con respecto ao desenvolvemento dos territorios que abarcan. Son os verdadeiros artífices do achegamento aos beneficiarios potenciais que teñen dificultades para recibir axudas das fontes de financiamento habituais, permitindo que as estratexias de desenvolvemento local concentren os fondos nas zonas pesqueiras que máis o necesitan, garantindo que esas actuacións se reforcen entre si; se mobilice o coñecemento e a enerxía dos axentes locais, explorando novos mercados, novos produtos e novas formas de traballo; ou creando redes de cooperación nas zonas pesqueiras.
Estes parladoiros xorden co fin de poñer en valor os distintivos e as marcas comerciais como elementos de reforzo da comercialización e do consumo do produto pesqueiro san, saudable, de calidade e, sobre todo, sostible e responsable.
Integran a este GALP un total de 47 entidades, que agrupan a un total de 2.865 socios, dos que 1.408 forman parte do sector pesqueiro; é dicir, o 69,6% son xente traballadora do mar. Engloba a 13 concellos: Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. Dende 2016 desenvolveu 103 proxectos, cun investimento de de 5,5 millóns de euros.
Co de Mariña-Ortegal, existen en Galicia 8 GALPs, que representan a máis de 13.000 traballadores do sector pesqueiro, sendo Galicia a primeira comunidade autónoma que os ten seleccionados, así como as estratexias aprobadas e lanzadas as achegas para a presentación de proxectos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. O 26 de setembro de 2023, publicouse a última orde coa convocatoria destas axudas para apoiar iniciativas a desenvolver entre 2023 e 2025. En total, 18,4 millóns que se distribúen do seguinte xeito: 8 millóns en 20203; 5,6 millóns en 2024; e 4,8 millóns en 2025.
Ademais, o conselleiro do Mar asistiu á nova edición da Feira do Bonito de Burela co obxectivo de reivindicar a historia cultural e gastronómica da vila mariñeira. Esta celebración ten a categoría de Festa de Interese Turístico Nacional desde 2019, concedida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Nesta liña, o responsable autonómico destacou o emblema e identidade que representa esta festividade para potenciar o desenvolvemento económico de Galicia e abrir novos mercados a nivel nacional e europeo.
A chaira do porto da vila lucense acollerá durante toda a finde semana á multitude de persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia e doutros lugares de España que se achegan ao concello para degustar o produto estrela da festa: o bonito en distintas preparacións. A festividade está organizada desde os seus inicios pola Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, coa colaboración do Concello de Burela, e integra distintas actividades de ocio tales como arte, deporte e música.
DEPUTACIÓN
O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado xunto á alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, na XXXVIII edición da Feira do Bonito de Burela. A institución provincial colabora coa organización deste evento realizando unha achega económica de case 9.000 euros, unha achega na que se incluíu unha showcooking, que contou coa participación de reputados chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, e unha actuación musical.
Cajoto Caserío trasladou os seus parabéns aos organizadores desta cita “o Concello de Burela, a Sociedade Cultural Recreativa Ledicia e a todas as persoas que facedes posible que un ano máis poidamos celebrar un evento tan relevante coma este, non só para este municipio senón tamén para todo o conxunto da provincia”.
O deputado aproveitou a súa intervención para poñer en valor este produto “que é un verdadeiro referente na nosa cultura mariñeira e tamén un símbolo gastronómico que destaca pola súa excepcional calidade”, destacou. Ademais, Francisco Cajoto fixo referencia a esta Feira como “completamente asentada no noso calendario, que cada ano supera o número de veciños e turistas que se achegan ata Burela para desfrutar desta Festa de Interese Turístico Nacional”.
“Esta cita é máis que unha celebración gastronómica, é tamén un importante revulsivo turístico para toda a zona. E por iso desde a Deputación de Lugo colaboramos con este evento, que encaixa á perfección co modelo de turismo que defendemos na institución provincial. Un turismo de calidade, sostible e non masificado no que os visitantes gozan dunha experiencia única e auténtica” valorou o Deputado.
Esta xornada, á que tamén asistiu a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara, e o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares Bermúdez, deu comezo ás 13:00 horas co izado da bandeira azul no barco-museo. A continuación, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o pregón a cargo Julio López Moreno. Durante toda a fin de semana os visitantes poderán degustar racións de bonito en diferentes elaboracións como asado á grella, en empanada ou cocido, entre outras.