A XXX Festa da Faba de Lourenzá comezará o 30 de setembro
Presentouse o cartel anunciador e o programa da XXX edición da Festa da Faba, unha edición suspendida por mor da pandemía e que nesta ocasión celebrarase do 30 de setembro ao 2 de outubro de 2022.
O cartel é obra de Codés Lillo Irimia, que foi a gañadora do concurso convocado polo Concello de Lourenzá para a edición deste ano.
Durante todas as xornadas poderanse degustar as protagonistas da festa, as fabas de Lourenzá e o sábado e domingo haberá un tren turístico que percorrerá a ruta da faba.
Malia que aínda faltan actos e actividades por confirmar pódese avanzar que o venres 30 no claustro do Mosteiro haberá un espectáculo de maxia a cargo de Cayetano Lledó, unha cata de viño da adega Fanrela D.O. Monterrei e por suposto a estrela da festa, as tapas con fabas preparadas pola Asociación de Cociñeiros de Lugo acompañadas da música do grupo Diavolinos.
Na xornada do sábado 1 de outubro poderanse mercar fabas laurentinas nos postos ubicados na praza do Conde Santo así como os postos doutros obxetos de artesanía que estarán polas rúas e prazas do Concello.
Ademais desfrutarase da concentración de Vespafaba & clásicos, dunha exposición de automoción e vehículos agrícolas, e dos pasacalles de música tradicional Catro Canos.
O sábado tamén será o pregón, un showcooking da Asociación de Cociñeiros de Lugo con música da charanga Mekánika e a XII Carreira popular Val das Fabas, que xunto aos xogos tradicionais, a música de Airiños da Freba e orquestra Principal pecharán esta xornada festiva.
O domingo 2 de outubro volverá o mercado ao por maior de fabas e os postos de artesanía, así como os pasacalles de Catro Canos, e outras actuacións musicais a cargo das rondallas Tovadores de Ares, A Mugardesa de Mugardos e a Charanga Louband.
Tamén está confirmado un recital poético-musical de Rosas Negras con Marina Oural e Chefa Alonso e oespectáculo Un verso, un cantar con Queiman e Pousa.