A XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón celebrarase do 27 ao 29 de outubro no auditorio de Ribadeo

AMariñaXa
A XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón celebrarase do 27 ao 29 de outubro no auditorio municipal de Ribadeo.
251023 Foto mostra teatro Ribadeo
26 Out 2023

A XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón celebrarase do 27 ao 29 de outubro no auditorio municipal de Ribadeo. A edil ribadense de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “esta fin de semana (venres, sábado e domingo) terá lugar ás 20.00 horas no auditorio municipal a XX edición da Mostra de Teatro afeccionado, que leva o nome do insigne autor teatral ribadense Daniel Cortezón”.

Sanjurjo explicou que “desta vez dous grupos veñen de fóra da Mariña, un de Narón e outro de Pontevedra e o terceiro é veciño noso de Barreiros. Comezamos coa formación pontevedresa Avelaíña Teatro, que pon en escena este venres Almas na Gloria: don Paco, con texto de Manolo Ayán e dirección de Antonio Simón. Esta é unha historia vinculada ao autor laurentino homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego. No escenario acompañan a este personaxe outros como Otero Pedrayo, Fermí Penzol, Álvaro Cunqueiro ou Enrique Peinador e lembran a súa mocidade, a vinculación ao Seminario de Estudos Galegos  e o que supuxo o franquismo para a cultura galega”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado gozaremos co grupo O Aturuxo de Melpómene, dirixido por Leandro Lamas e que nos presenta A pena do cu do mundo. Trátase dunha comedia musical na que unha peculiar familia que habita nunha aldea no cu do mundo ve alterada a harmonía das súas vidas por uns acontecementos inesperados. E finalmente o domingo o Colectivo Cultural Ollomao representa O traballo de Andrea, unha obra sobre o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e da Postguerra. É un drama de 90 minutos, sobre un texto de Ignasi García Barba, nunha adaptación dirixida por Ramón Casas Oroza e cun elenco do que forman parte varias veciñas e veciños de Ribadeo”.

E engadiu: “agardamos que esta proposta, que xunta divertimento e reflexión sobre a nosa historia sexa do agrado de todas as persoas que venres, sábado e domingo se acheguen ás oito da tarde ao noso auditorio municipal para gozar da XX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón”.

0.12668800354004