A XVII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer celebrarase esta fin de semana en Cervo
O Concello de Cervo acollerá esta vindeira fin de semana a XVII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer. A cita, que a día de hoxe conta xa con máis dunha trintena de exemplares inscritos, será o domingo 16 de xuño, a partir das 10.00 horas, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.
Foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e polo delegado de Boxer Club España en Galicia, Iván García, acompañado por un dos seus cans de raza Boxer, Faragulla de Ibiltaria (de case nove anos de idade que é campioa de España e de Portugal de beleza, entre outros recoñecementos).
A exposición morfolóxica concentrarase na xornada do domingo, a partir das 10.00 horas, pero xa o sábado, como antesala do evento, está prevista unha sesión gratuíta de iniciación ao traballo deportivo e ás probas de selección española de cría, a partir das 18.00 horas, tamén en Sargadelos, impartida polo formador David Rodríguez Almerge.
A xuíza francesa, Cathy Sinsout, será a encargada de xulgar a todos os participantes nas diferentes categorías, con premios para o mellor boxer nacido en Galicia, o mellor veterano, a mellor promesa, o mellor xove ou o mellor de raza, entre outras moitas categorías.
O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a achegarse durante esa xornada a Sargadelos para desfrutar deste encontro que reunirá aos mellores exemplares desta raza. A inscrición aínda está aberta e toda a información está dispoñible nas redes sociais da Delegación Galega Boxer Club España.