A XV Festa do Comercio de Ribadeo repartirase o 10 de xaneiro con 5.000 euros en premios e unha viaxe a Menorca

AMariñaXa
Acisa celebra a súa campaña máis veterana cun sorteo presencial e 180.000 rifas en circulación
Acisa-ribadeo-Fiesta-Comercio-2025-nadal
3 Dec 2025

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) prepara xa a XV Festa do Comercio, unha edición especial que se celebrará o vindeiro 10 de xaneiro ás 20:30 horas nas carpas instaladas na Avenida Rosalía de Castro. Trátase da campaña máis lonxeva da entidade, un referente consolidado que cumpre quince anos de traxectoria como motor de dinamización comercial na comarca.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que esta edición “pretende poñer o broche final a un ano extraordinario para a asociación” e, ao tempo, homenaxear os seus inicios. “Queremos recuperar o espírito das primeiras directivas, aquelas que hai 36 anos xa sorteaban viaxes cando a asociación daba os seus primeiros pasos. Por iso decidimos enviar unha parella a Menorca para celebrar estes quince anos dunha campaña que segue a medrar”, explicou.

A iniciativa desenvolverase desde o 5 de decembro ata o propio día do sorteo. Nesa xornada repartiránse 5.000 euros en premios a través de vales de compra para consumir no comercio local asociado, ademais da viaxe para dúas persoas a Menorca, de catro días nun hotel de catro estrelas con todo incluído. As rifas estarán dispoñibles en todos os establecementos adheridos.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, anunciou que este ano circularán 180.000 rifas, unha cifra récord: “É a campaña na que máis repartimos, un indicador claro do éxito desta actividade de Nadal e da demanda constante de papeletas por parte da clientela”.

En canto á distribución dos premios, Pérez detallou: un premio de 2.000 euros, outro de 1.500 euros, outro de 1.000 euros e dous de 250 euros, un deles non presencial. O premio non presencial sortearase entre todas as papeletas impresas, mentres que o resto se escollerán entre os boletos depositados o 10 de xaneiro na urna situada na carpa.

A organización lembra que é imprescindible conservar a rifa completa ata o día do sorteo e introducir unha das dúas partes na urna pola tarde. A outra parte deberase gardar para verificar o número premiado. As rifas deben ir seladas polos establecementos participantes.

Carmen Cruzado subliñou que esta campaña busca reforzar a mensaxe de que “Ribadeo é o mellor lugar para facer as compras, tomar algo, encargar as comidas e ceas de Nadal e vivir un ambiente diferente nestas datas”. Engadiu que, sendo o último evento dun ano “excepcional para Acisa”, quixeron darlle un toque especial cun premio tan atractivo como unha viaxe.

Pola súa banda, o xerente destacou a importancia da campaña para o comercio de proximidade: “O Nadal é clave para o pequeno comercio. Mercar no local é apoiar o esforzo do veciño, do amigo e do familiar. Un agasallo comprado en Ribadeo vale moito máis polo que representa”.

Acisa agradeceu o apoio das empresas patrocinadoras BeOne e Gestión Gratelu, así como a colaboración do Concello de Ribadeo, que facilitará a carpa e os medios necesarios. A actividade conta tamén coa cofinanciación da Xunta de Galicia. Na presentación participaron o CEO de BeOne, Roberto Ramos; o administrador de Gestión Gratelu, Pablo Posada; o alcalde, Dani Vega; e a concelleira de Comercio, Marta Saiz.

A directiva recordou que, por segundo ano consecutivo, recuperan a iniciativa No Nadal, ti iluminas Ribadeo, coa que se anima a comerciantes e hostaleiros a decorar voluntariamente os seus locais para contribuír á ambientación festiva.

A proposta non ten carácter competitivo, senón que busca implicar ao tecido empresarial na creación dun espazo acolledor, elegante e atractivo para veciños e visitantes. “Hai escaparates espectaculares que xa merecen unha visita, e outros moitos que se están preparando con moita dedicación. Queremos que Ribadeo se converta nun lugar máxico”, concluíu a organización.

⚙ Configurar cookies
0.075454950332642